domingo, 7 de diciembre de 2008

O Parlamento é a institución máis importante de Galicia (II)


Teño atopado pola rúa a xente que me saúda e que me pregunta que tal van as cousas dende que cheguei á Xunta.

- “Pois pola Xunta van moi ben, pero eu traballo no Parlamento”, contestei unha vez con agarimo a unha veciña.

De nove a nove ou de dez a dez… Aquí non paramos un minuto. Participamos en comisións (teño unha media de oito ó mes) e asistimos ós plenos (catro polo xeral). Esa é, por dicilo dalgún xeito, a faciana máis coñecida do noso traballo. A oculta son as horas que pasamos preparando intervencións, tentando sacar adiante iniciativas de tema de interese xeral ou dos territorios que temos asignados, contactando con cargos da Xunta e, dende logo, traballando en equipo. Sempre é difícil traballar soa, pero aquí é imposible. Hai un labor constante de coordinación cos compañeiros e compañeiras e, por suposto, de aprendizaxe: a primeira vez que tiven que intervir nun pleno tremíanme as pernas. Pero pouco a pouco, como en calquera outro traballo, vaise collendo costume, sobre todo se tes a oportunidade de medrar un pouco en todos os sentidos ó carón de persoas de altísima talla política.

O meu coche ten miles de quilómetros e, nestes anos, teño visitado pobos nas catro provincias galegas. Actos de representación do grupo, asistencia a charlas ou mesas redondas, visitas ós compañeiros e compañeiras da zona Ulla Umia, Deza... Aproveito para confesar en público que, o outro día, puxéronme unha multa de tráfico por andar cun pouco de apuro pola estrada. Verdadeiramente, a vida de deputada é apuradiña… Pero tamén é moi agradecida: nada mellor que ser representante do teu pobo, da túa provincia...facer de interlocutora dos problemas da sociedade ante o Parlamento de Galicia.

No hay comentarios: