martes, 16 de diciembre de 2008

Cartón vermello e expulsión

Agora é Nidia Arévalo a responsable do Concello de Mos. Nidia Arévalo e máis o Partido Popular, que semella estar valorando o rentable que pode ser ter o municipio baixo o seu mando. Tocáballe a Núñez Feijóo poñer sobre a mesa a dignidade, unha vez que quedou claro que Nidia Arévalo e os seus compañeiros descoñecen o significado do termo. A súa dignidade é a mesma que a do tránsfuga Gerardo Alonso, a quen lle foi usurpada a memoria: esqueceu que se presentou baixo unhas siglas históricas, as do PSOE, ás eleccións municipais. Primeiro socialista, despois independente e, por último e para a súa vergoña, mente pensante, xunto coa de Nidea Arévalo e coa da plana maior do PP, dunha operación vil para acadar un goberno de costas á democracia.
Arroupamos á nosa xente tanto como puidemos. Todos nos achegamos a Mos porque alí nos necesitaban. Todo o Partido Socialista reclamou a Nidia Arévalo e o seu equipo que puxera fin á operación e non executase as súas escuras intencións. Todos dixemos ó señor Núñez Feijóo que o PP está no pacto antitransfuguismo por estar, como quen está a durmir porque non hai cousa mellor que facer.
Nin que decir ten que non nos fixeron caso. Hai a quen non lle importa levantar o bastón da alcaldía cunha man e aplastar cun pé a moralidade.
Onde está entre tanto o señor Louzán? Conta a prensa que anda desaparecido, que non se lle ve na Deputación. Supoñemos que está baixo o manto de Núñez Feijóo, e que este lle mandou botar as contas da influencia da operación para que o PP gañe peso no contorno de Vigo. Andan os dous pensando nas eleccións autonómicas, Núñez Feijóo sobre todo… Seguro que foi por iso polo que o xefe do PP galego optou por agocharse en terras argentinas mentras os seus capataces pechaban, de novo, un asalto á democracia. Iso chámase coraxe.
No caso de Arévalo e compañía, non serve un expediente.
Cartón vermello e expulsión, que dirían os amantes do fútbol.

No hay comentarios: