miércoles, 17 de marzo de 2010

De novo no Parlamento de Galicia

Como cambia a vida. Hai cinco anos iniciábame na actividade parlamentaria tras moitos anos adicada á política municipal, ó asociacionismo, á igualdade, á xestión dos fondos europeos e a outras actividades. Un novo cambio lévame de novo ó Parlamento de Galicia cun pouco de vértigo na mochila. Vértigo, que non medo.

Supoño que o medo chega cando quedas parada na túa casa. Mirando ás paredes, pensando no que puido ser e non foi, agardando quen sabe que e laiándose por non manter o escano no Parlamento ou o Goberno de Galicia. Pero eu non funcionei así no último ano, non caín nesa dinámica. Seguín en movemento (vertixinoso en ocasións), en contacto cos colectivos sociais, traballando en plans e proxectos encamiñados a loitar contra as enormes diferenzas que aínda sofren as mulleres con respecto ós homes e colaborando con todas as agrupacións socialistas da Comarca que mo demandaron.

Son por todos eses camiños polos que me quero mover nos vindeiros tres anos: reclamar a igualdade de xénero (unha demanda máis que xustificada co actual Goberno autonómico, que vén de tumbar o Servizo Galego de Igualdade e que se ríen do noso traballo disfrazándose de quen sabe que no Día Internacional da Muller, reproducindo con elo os estereotipos sexistas que tanto temos loitado por arrincar da nosa sociedade); loitar por unha Galicia máis aberta e amable, moi distinta á que debuxa o PP; e defender os intereses da miña comarca e a súa cidadanía. Fareino, desta volta, dende as bancadas da oposición, pero que a ninguén lle caiba dúbida de que o meu empeño será o mesmo ou incluso maior.

Seguirei ocupándome da Secretaria de Igualdade na Executiva Provincial do PSdeG-PSOE en Pontevedra, e tamén da Secretaría Xeral do partido en Cuntis. Porque neste ano non perdín as ganas de traballar. Seguirei, en definitiva, sendo unha muller de Cardecide (Cuntis) que quere permanecer ó carón do pobo e que aproveita esta entrada no blog para agradecer todas as mensaxes de apoio recibidas nestes días de amizades, familiares, compañeiros e compañeiras... Dende aquí o meu COMPROMISO de traballar duro por Galicia e por poñer o meu granciño de area en dignificar á clase política.

Moitas grazas

lunes, 8 de marzo de 2010

O nacemento do Día Internacional da Muller

O nacemento do Día Internacional da Muller, contrariamente ó que escoitamos habitualmente, non radica nun acontecemento illado, senón que, segundo a historiadora ANA ISABEL ÁLVAREZ GONZÁLEZ doutorada do programa "Estudios de la Mujer" da Universidade de Oviedo, que realizou un estudo durante 1997-1999 sobre a orixe do 8 de marzo, debemos encadralo nun contexto histórico e ideolóxico moito máis amplo.
Si que houbo un incendio nunha fábrica téxtil en Nueva York, onde morreron abrasadas as 129 traballadoras que estaban dentro loitando polos seus dereitos laborais, tamén é certo que o dono da fábrica as encerrou e lles prendeu lume. Pero segundo Ana Isabel Álvarez, non foi o 8 de marzo de 1908 senón ol 25 de marzo de 1911, dous días antes á primeira celebración do Día Internacional da Muller. Segundo esta historiadora, o Día Internacional da Muller, ten os seus orixines indiscutiblemente no movemento internacional de mulleres socialistas de finais do século XIX. Foi proposto por primeira vez por Clara Zetkin, una representante da Conferencia de Mulleres Socialistas, na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, celebrada en Copenhague en 1910, e celebrouse por primeira vez en 1911 cun gran éxito de participación.
Ademais do dereito ó voto sen ningún tipo de restricións e a ocupar cargos públicos, demandaban melloras na ensinanza, poñer fin á discriminación das mulleres no traballo… Por desgraza, despois de 100 anos, non sendo o dereito ó voto, todo o resto séguenos sendo familiar.
Que todos os actos nos que participemos e/ou organicemos nestes días signifiquen una tarefa sen retorno na consecución da IGUALDADE REAL.
¡¡¡FELIZ DÍA INTERNACIONAL DA MULLER!!!