miércoles, 17 de marzo de 2010

De novo no Parlamento de Galicia

Como cambia a vida. Hai cinco anos iniciábame na actividade parlamentaria tras moitos anos adicada á política municipal, ó asociacionismo, á igualdade, á xestión dos fondos europeos e a outras actividades. Un novo cambio lévame de novo ó Parlamento de Galicia cun pouco de vértigo na mochila. Vértigo, que non medo.

Supoño que o medo chega cando quedas parada na túa casa. Mirando ás paredes, pensando no que puido ser e non foi, agardando quen sabe que e laiándose por non manter o escano no Parlamento ou o Goberno de Galicia. Pero eu non funcionei así no último ano, non caín nesa dinámica. Seguín en movemento (vertixinoso en ocasións), en contacto cos colectivos sociais, traballando en plans e proxectos encamiñados a loitar contra as enormes diferenzas que aínda sofren as mulleres con respecto ós homes e colaborando con todas as agrupacións socialistas da Comarca que mo demandaron.

Son por todos eses camiños polos que me quero mover nos vindeiros tres anos: reclamar a igualdade de xénero (unha demanda máis que xustificada co actual Goberno autonómico, que vén de tumbar o Servizo Galego de Igualdade e que se ríen do noso traballo disfrazándose de quen sabe que no Día Internacional da Muller, reproducindo con elo os estereotipos sexistas que tanto temos loitado por arrincar da nosa sociedade); loitar por unha Galicia máis aberta e amable, moi distinta á que debuxa o PP; e defender os intereses da miña comarca e a súa cidadanía. Fareino, desta volta, dende as bancadas da oposición, pero que a ninguén lle caiba dúbida de que o meu empeño será o mesmo ou incluso maior.

Seguirei ocupándome da Secretaria de Igualdade na Executiva Provincial do PSdeG-PSOE en Pontevedra, e tamén da Secretaría Xeral do partido en Cuntis. Porque neste ano non perdín as ganas de traballar. Seguirei, en definitiva, sendo unha muller de Cardecide (Cuntis) que quere permanecer ó carón do pobo e que aproveita esta entrada no blog para agradecer todas as mensaxes de apoio recibidas nestes días de amizades, familiares, compañeiros e compañeiras... Dende aquí o meu COMPROMISO de traballar duro por Galicia e por poñer o meu granciño de area en dignificar á clase política.

Moitas grazas

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Non sei que ten de malo suprimir o SGI, xa que as súas funcións pasarán a ser exercidas pola Secretaría Xeral da Igualdade.

O que hai agora mesmo é duplicidade de órganos, xa que temos 2 organismos (SGI e Secretaría Xeral da Igualdade) coas mesmas ou parecidas funcións.

Todo o que sexa eliminar administración paralela o vexo ben.

Carmen Cajide Hervés dijo...

Non nos deixemos enganar: están suprimindo un ÓRGANO AUTÓNOMO creado por lEI e derivando as súas función a unha Secretaría creada mediante un DECRETO. Están limitando a participación da sociedade a través de determinados colectivos institucionalizados (sindicatos, universidade, colexios profesionais, etc), é dicir, facer permeable a xestión administrativa á cidadanía. A MIÑA PROPOSTA: eliminar a direción do SGI e poñer á Secretaria Xeral ó fronte!!!

Anónimo dijo...

Ánimo na túa nova andaina. Sería bo felicitar ás persoas cando empezan unha nova andaina. Iso é o primeiro: logo críticas e suxestións, que para iso son os blogs. Pero sempre por partes...

ASINADO: A do rato.

Anónimo dijo...

Gracias por ese ánimo, espero ter a suficiente actividade como para merecer suxestións, críticas en positivo, algún tirón de orellas que outro...Saúdos