lunes, 9 de febrero de 2009

Nós somos demócratas. Outros/as non.


De novo sorpréndenos o Partido Popular. Onte foi a número dous de Rajoy, María Dolores de Cospedal, que nos deixou a alucinados/as con esas declaracións sobre un suposto uso partidista do Ministerio do Interior e do poder xudicial por parte do PSOE. Esta xente semella rexerse pola máxima "minte que algo queda". Menos mal que non é certo, que a mentira non é a opción da maioría, e que a xente apostou pola seriedade e o traballo nas últimas eleccións xerais. É o mesmo que farán os galegos e as galegas o día 1 de marzo.
De Cospedal insulta ós e ás votantes coas súas declaracións, que sacan á luz un gran nerviosismo. O que lle está a acontecer ó partido no que milita non é, dende logo, para que estea tranquila. O que lle pasa a Rajoy e tamén a Feijóo, non é mala sorte, son cousas que non veñen dadas: están rodeados de equipos de escaso valor e, sobre todo, con poucas crenzas democráticas. É dubidoso, incluso o seu propio talante, porque permitir que unha das máis importantes pezas do PP salga dicindo semellantes barbaridades di ben pouco do presidente do partido.
O que podía facer María Dolores de Cospedal, se de verdade pensa que leva razón ó dicir que os socialistas manipulamos á xustiza, é presentar unha denuncia contra Baltasar Garzón argumentando que toma decisións inxustas a sabendas de que o son. Iso chámase prevaricar e é unha das máis graves acusacións que se lle poden facer a un xuíz. Pero seguramente non o fará: e mellor soltalo para que o recollan os medios de comunicación e marchar tan pancho para casa: tirar balóns fóra, vamos.
A separación de poderes é unha das bondades do Estado democrático. Dende o Partido Socialista, cremos nel. Dende o Partido Popular está claro que non.

domingo, 8 de febrero de 2009

Feijóo cómplice de Carrera?


Pode que o Sr. Carrera teña moitos ingresos e que mire menos os cartos que o resto do mundo, pero resulta pouco crible que o cabeza de lista do PP por Ourense esquecera declarar o ingreso de 240.000 euros nunha das súas contas. Algunhas persoas queren esquivar as súas obrigas fiscais e lamentablemente, ás veces conségueno. Por iso, cando temos unha responsabilidade política, tócanos ser especialmente meticulosos/as e cumprir todas as obrigas que conleva vivir nun Estado dereito. Porque, a pouco que nos paremos a mirar, son os fondos do/as contribuíntes os que sosteñen ese Estado, que nos da acceso, entre outras servizos, a prestacións sanitarias e sociais.
Que confianza podemos ter en que elixe como fichaxes para dirixir a economía dos galegos a persoas que defraudan á facenda pública e levan os cartos para as Illas Caimán.
Núñez Feijoo coñecía os negocios do seu candidato número un por Ourense, ao igual que todo o seu entorno. Feijoo insulta á intelixencia da cidadanía de Ourense e de Galicia por dicir que non sabía o que estaba acontecendo.
O caso é que, con toda a que está caendo no Partido Popular, vén Núñez Feijóo a darnos exemplo, a contar que tomou inmediatamente unha decisión e que outros partidos deberían facer ó mesmo con algúns dos seus membros. E aproveita a ocasión para dicirnos que é preciso un proceso de rexeneración democrática, mesturando conceptos que non poden ser comparados e, en definitiva, facendo uso da mentira coma sempre. Esquece que o proceso de rexeneración democrática foi a nosa grande preocupación, a preocupación do presidente Touriño, durante catro anos, e que cumprimos o compromiso, deixando de lado as mañas caciquís do PP. Hoxe son pasado.
Aínda que xa nos teñen afeitos/as, non podemos evitar lamentar que o candidato do Partido Popular faga uso constante da demagoxia e engane ó pobo galego en cada un dos seus mitins, en cada unha das súas comparecencias. É, ese pobo galego, o terá en conta na festa da democracia