lunes, 24 de noviembre de 2008

O Parlamento é a institución máis importante de Galicia (l)

Vai para catro anos. Foi tan de súpeto, que cando estaba entrando no Parlamento de Galicia pensaba: Que fago aquí? Que fai aquí unha muller dun concello pouco máis de 5000 habitantes e sen titulación universitaria? Pois nin máis nin menos, que representar a aquilo que me pedían os compañeiros alcaldes, secretarios xerais...da zona Ulla Umia, o coordinador provincial, Modesto Pose; e por suposto co visto bo do Secretario Xeral, Emilio Pérez Touriño
Do primeiro que me decatei cando cheguei ó Parlamento, foi do pouco que se coñecía a actividade lexislativa no noso País. Ós poucos días, estiven esperando a visita dunha amiga que non daba chegado… Viña dende outra cidade galega e, sen coñecer Santiago, tivo problemas para atopar O Hórreo, que é onde está o edificio do Parlamento de Galicia. Preguntando pola capital galega, mandárona ó Pazo de Raxoi (onde ten a súa sede a Presidencia da Xunta), ós edificios administrativos de San Caetano e, por pouco, chega a Monte Pío e atópase co noso presidente. Deu voltas e voltas para poder pisar o contorno da institución máis importante de Galicia. O Parlamento representa o noso pobo dentro dun sistema democrático que se rexe pola participación cidadá. Por iso nos últimos anos tense levado a cabo unha importante labor de difusión da súa función, máis alá dos debates plenarios. Hoxe conta cunha páxina web informativa e dinámica, que inclúe unha visita guiada que incluso permite seguir en directo as comisións parlamentarias.
É moi importante dar a coñecer a labor lexislativa. Temos escoitado moitas veces aquilo de ¡quen ben viven os/as políticos!. Nada máis lonxe da realidade, aquí trabállase arreo. Todos os días, móvense milleiros de papeis entre os deputados e deputadas dos distintos grupos políticos para que o Parlamento poida cumprir coas súas funcións. E somos nós, os deputados e deputadas, quen temos a obriga e a responsabilidade de que esas funcións cheguen a bo porto. Esa é a base desta entrada, tratar de achegar o meu traballo, o dos meus compañeiros e compañeiras á cidadanía. É unha lección que vén nos libros de texto… Pero tamén veñen as raíces cadradas e as esquecemos, non si?
Cando falamos de democracia, falamos do poder do pobo. O pobo está chamado a tomar decisións cada catro anos. O certo é que agora participamos máis que nunca, porque podemos decidir sobre Europa, sobre o Goberno do Estado, o da Comunidade Autónoma e o do Concello no que vivimos. Para algunhas persoas faise pesado. Para outras, é a festa da democracia. Tanta xente ten loitado por acadala…
Cando colles unha papeleta no colexio electoral, non decides quen será o presidente da Xunta nin quen se fará cargo de cada unha das consellerías. Non. Cando te decides por unha lista de persoas que foron designadas por un partido político, estás elixindo a os/as representantes do pobo, para ocupar os escanos da Cámara. De aí sae a composición do noso parlamento, as 75 persoas que, entre outras tarefas, asumimos a responsabilidade de nomear ó presidente da Xunta, na actualidade o socialista Emilio Pérez Touriño, ou aprobamos ou rexeitamos os orzamentos, aprobamos novas leis ou modificamos outras para adaptalas a nova realidade de Galicia...
É unha tarefa que nalgunhas ocasións abruma… Pero é unha gran honra que os compañeiros e compañeiras do partido depositen en ti a súa confianza para intentar (e neste caso conseguir) levar á institución máis importante de Galicia as ideas da esquerda, igualdade e progreso. E máis responsabilidade supón, se cabe, que a cidadanía poña a súa man por un grupo de persoas no que, para a túa ledicia, estás incluída. Por iso quero achegar á xente o traballo que fago cada día. Pero será nunha segunda parte, que teremos colgada moi pronto.

martes, 11 de noviembre de 2008

Violencia de Xénero = Violencia polo feito de ser muller

Aquel testimonio era demoledor. Anos de abusos, lesións, golpes, inxurias e ameazas dun home que non tiña amosada a súa faciana terrorista mentres non casaron. Tanto doían as patadas nas costas como os “filla de puta, non vales para nada”, as puras violacións como as bágoas que lle escapaban ás fillas cando escoitaban á nai chorar ante un prato que nin tan sequera tiña gañas de comer. Unha das peores certezas é que ocorre cada día. Segue ocorrendo. Unha das mellores é que, como aquela muller, todos e todas podemos e debemos facer fronte para romper con tanto dor.
A violencia contra as mulleres xorde dunha discriminación de xénero secular amarrada a tódolos ámbitos da vida e en todas as profesións, ata naquelas nas que custa imaxinala... Afortunadamente, pasiño a pasiño vai perdendo o anonimato, a súa presenza vai rompendo as paredes dos despachos e empurrando moitas portas que, unha vez abertas, sacan á luz deporables comportamentos misóxinos que avergonzan á sociedade.
A todas esas vítimas que sofren agresións psíquicas, físicas, sexuais, sociais ou económicas; ós homes que se preocupan polos abusos ás mulleres, que algún hai; os cargos políticos e estudantes; e a sociedade en xeral, hai que dicirlle hoxe e agora que, dun tempo a esta parte, son moitas as forzas que converxen para achegarnos a igualdade, un dos principios do partido no que milito dende hai moitos anos.
O Galego é un goberno paritario: seis homes e seis mulleres están á fronte das nosas consellerías. Dos 17 ministerios do Goberno central, nove están dirixidos por mulleres. A esquerda impulsou leis que artellan medidas contundentes nunha clara aposta pola igualdade. Preocupouse pola importancia de coordinar esforzos para conseguir obxectivos claros. Aportou, en definitiva, unha nova forma de investir en igualdade que, no caso de Galicia, está a dar froitos antes de catro anos. Ás mulleres valen iso e máis, claro está. Pero o gran esforzo, implicación e organización que chegou da man do Goberno que preside Emilio Pérez Touriño xa ninguén o vai deter. Porque agora todos e todas sabemos que podemos gañar esta longa batalla.
Traballamos da man de profesionais, especialistas, investigadoras… Traballamos e valoramos enormemente o labor dun feminismo mil veces atacado e vilipendiado por quen o compara co machismo. Non nos confundamos, posto que o feminismo xorde ante o ataque coa fin de salvar: salvar ás mulleres da violencia e da morte, ós homes da miseria, da cadea, do suicidio (dos 62 presuntos asasinos do ano 2008, 16 intentaron e 11 consumaron o suicidio).
O pesadelo ocorre cada día. Pero tamén, cada día, hai moitas mulleres que deciden cambiar de vida e rachar co seu pasado. Porque debe de ter a oportunidade de facelo. E correspóndenos a todos e todas que lle chegue esa oportunidade.

sábado, 1 de noviembre de 2008

Como non nos afecta a crise, nós facemos carteis

Dixérono unha vez, creron que lles quedara bonito e veña, para adiante: “Adeus ó bipartito e grazas por nada”. Semella que o PP se empeña en trasladar á cidadanía ideas como as do señor Rajoy de falar de nenas imaxinarias que só existen na súa cabeza.
O da ocorrencia foi, desta volta, Núñez Feijóo. Pechou a súa intervención no debate do Estado da Autonomía cun chascarrillo que, de súpeto, está nos valos publicitarios de media Galicia.

O curioso é que está pero é coma se non quixera estar. Sen siglas, sen referencia algunha a quen é a entidade ou persoa responsable, enviando unha mensaxe de despedida ó Goberno Galego bastante antes das eleccións, anticipándose ó que dirá a cidadanía de aquí a uns meses. Pero a cidadanía galega sabe ler entre liñas, sabe quen está detrás destes carteis e quen tira cos cartos nun momento de crise coma este. A ningún anunciante se lle ocorrería vender un produto sen facer mención algunha a si mesmos: os 200 ou 300 euros que custan ó mes eses carteliños, supostamente anónimos, darían para varias cousas… Porque xa postos a pagar, o mellor é pagar por algo rendible...

Pero mentres os/as responsables destes anuncios perden o tempo e tiran os cartos o Goberno que Preside Emilio Pérez touriño traballa, día a día, para que os galegos e galegas poidamos contar con mellores servizos, mellores infraestruturas...

Aínda que sobren os cartos, o estilo é o sentido da responsabilidade e algo que non se pode comprar…