lunes, 24 de noviembre de 2008

O Parlamento é a institución máis importante de Galicia (l)

Vai para catro anos. Foi tan de súpeto, que cando estaba entrando no Parlamento de Galicia pensaba: Que fago aquí? Que fai aquí unha muller dun concello pouco máis de 5000 habitantes e sen titulación universitaria? Pois nin máis nin menos, que representar a aquilo que me pedían os compañeiros alcaldes, secretarios xerais...da zona Ulla Umia, o coordinador provincial, Modesto Pose; e por suposto co visto bo do Secretario Xeral, Emilio Pérez Touriño
Do primeiro que me decatei cando cheguei ó Parlamento, foi do pouco que se coñecía a actividade lexislativa no noso País. Ós poucos días, estiven esperando a visita dunha amiga que non daba chegado… Viña dende outra cidade galega e, sen coñecer Santiago, tivo problemas para atopar O Hórreo, que é onde está o edificio do Parlamento de Galicia. Preguntando pola capital galega, mandárona ó Pazo de Raxoi (onde ten a súa sede a Presidencia da Xunta), ós edificios administrativos de San Caetano e, por pouco, chega a Monte Pío e atópase co noso presidente. Deu voltas e voltas para poder pisar o contorno da institución máis importante de Galicia. O Parlamento representa o noso pobo dentro dun sistema democrático que se rexe pola participación cidadá. Por iso nos últimos anos tense levado a cabo unha importante labor de difusión da súa función, máis alá dos debates plenarios. Hoxe conta cunha páxina web informativa e dinámica, que inclúe unha visita guiada que incluso permite seguir en directo as comisións parlamentarias.
É moi importante dar a coñecer a labor lexislativa. Temos escoitado moitas veces aquilo de ¡quen ben viven os/as políticos!. Nada máis lonxe da realidade, aquí trabállase arreo. Todos os días, móvense milleiros de papeis entre os deputados e deputadas dos distintos grupos políticos para que o Parlamento poida cumprir coas súas funcións. E somos nós, os deputados e deputadas, quen temos a obriga e a responsabilidade de que esas funcións cheguen a bo porto. Esa é a base desta entrada, tratar de achegar o meu traballo, o dos meus compañeiros e compañeiras á cidadanía. É unha lección que vén nos libros de texto… Pero tamén veñen as raíces cadradas e as esquecemos, non si?
Cando falamos de democracia, falamos do poder do pobo. O pobo está chamado a tomar decisións cada catro anos. O certo é que agora participamos máis que nunca, porque podemos decidir sobre Europa, sobre o Goberno do Estado, o da Comunidade Autónoma e o do Concello no que vivimos. Para algunhas persoas faise pesado. Para outras, é a festa da democracia. Tanta xente ten loitado por acadala…
Cando colles unha papeleta no colexio electoral, non decides quen será o presidente da Xunta nin quen se fará cargo de cada unha das consellerías. Non. Cando te decides por unha lista de persoas que foron designadas por un partido político, estás elixindo a os/as representantes do pobo, para ocupar os escanos da Cámara. De aí sae a composición do noso parlamento, as 75 persoas que, entre outras tarefas, asumimos a responsabilidade de nomear ó presidente da Xunta, na actualidade o socialista Emilio Pérez Touriño, ou aprobamos ou rexeitamos os orzamentos, aprobamos novas leis ou modificamos outras para adaptalas a nova realidade de Galicia...
É unha tarefa que nalgunhas ocasións abruma… Pero é unha gran honra que os compañeiros e compañeiras do partido depositen en ti a súa confianza para intentar (e neste caso conseguir) levar á institución máis importante de Galicia as ideas da esquerda, igualdade e progreso. E máis responsabilidade supón, se cabe, que a cidadanía poña a súa man por un grupo de persoas no que, para a túa ledicia, estás incluída. Por iso quero achegar á xente o traballo que fago cada día. Pero será nunha segunda parte, que teremos colgada moi pronto.

No hay comentarios: