lunes, 27 de abril de 2009

ESTAMOS EN MARCHA


Sen dúbida o socialismo galego ven de celebrar un congreso difícil. Despois de perder o Goberno da Xunta, de acusar unha lixeira perda de voto e de ver marchar tras as eleccións ao Secretario Xeral. Custounos asimilar a derrota electoral e aceptar a realidade. Por fin, esa porta quedou pechada. O venres e o sábado decidimos abrir outra, pasar páxina e mirar en clave de futuro.

Así, dedicámonos a facer balance e a ratificar a unión de todas as agrupacións. Constatamos que a militancia está unida e que continuará traballando para servir a Galicia e para que, dentro de catro anos, recuperemos a Xunta para enchela do noso espírito socialista.

Agora xa temos secretario xeral, Pachi Vázquez, quen precisamente, consolidouse como un importante amigo de Cuntis na súa andaina como conselleiro de Medio Ambiente. Foi elevado ao seu novo cargo por máis dun 90 por cento dos/as delegados/as no congreso, e estará acompañado á fronte do PSdeG-PSOE por unha Executiva da que foron renovados máis da metade dos cargos. Este proceso contou co aval do máximo responsable do Partido Socialista, José Luis Rodríguez Zapatero, e co de importantes figuras do noso partido, como José Blanco, Leire Pajín ou Elena Espinosa.

A nosa comarca acadou dous obxectivos. Formalizamos no congreso a nosa aposta polo alcalde de A Estrada, José Antonio Dono, para formar parte da Executiva. Ademais, contaremos co respaldo de Pablo García, veciño de Silleda, que se ocupará da Secretaría de Organización. Pablo conta cunha ampla experiencia en recursos humanos, de traballo en equipo e dun vasto coñecemento da nosa terra que lle permitirá defender os intereses xerais de Galicia, tendo moi en conta o rural galego. Dende aquí queremos enviarlle ánimos e poñémonos ao seu servizo para prestarlle toda a nosa colaboración.

O novo Secretario Xeral xa puxo sobre a mesa algúns dos obxectivos prioritarios. O seu mandato foi claro: pisar terreo, escoitar e resolver… Facer a vida máis fácil á xente que o necesita. Xa estamos en marcha…

¡¡¡Felicidades e sorte a Pachi e a todo o seu equipo!!!

martes, 14 de abril de 2009

Estamos de noraboa


Un Goberno con novas ideas para combater a crise económica mundial que estamos a padecer. Din os/as analistas políticos nas tertulias radiofónicas, nos xornais e nas televisións que Zapatero quere construír un Executivo máis forte de cara ás eleccións europeas. Digo eu, pola miña banda, que estamos ante un Goberno de marcado carácter socialista, un gabinete co que o Presidente amosa o compromiso coa sociedade nuns tempos tan convulsos: a que escribe tamén é de tipo práctico: se algo se pode mellorar, mellórase.

Son cambios importantes para España. Pero tamén son cambios importantes para a muller. Eu non podo afastarme da miña condición de feminista e, cando me detiven a pensalo, dinme de conta de que o Executivo español está composto por nove mulleres e nove homes. Aínda que sexa unha frase redundante, non cabe máis que dicir equidade ó cen por cen, que é como dicir dúas veces equidade. Quédanos moito por andar en materia de igualdade, pero no socialismo hai unha aposta forte por ela, percíbese que é un compromiso do propio Zapatero.

Semellante foto de familia do Executivo era impensable uns anos atrás. Agora é natural. De feito, tan natural é que poucas persoas se deron de conta do importante da cuestión. Temos mulleres á fronte dalgúns dos ministerios máis potentes do Estado, unha realidade que da ó feminismo máis vida e máis forza. Estamos de noraboa.

Pero a noraboa é dobre. Dobre para os galegos e as galegas que temos a dous ministros e dúas ministras no Goberno: José Blanco, Francisco Caamaño, Elena Salgado e Elena Espinosa. Iso non é pouco. Se ben é certo que independentemente do seu lugar de nacemento deben velar polo benestar de todo o país, tamén confiamos en que prestarán especial atención a Galicia. No conxunto destaca a entrada de José Blanco en Fomento. O novo ministro coñece á perfección as necesidades da nosa terra despois de camiñar por case todos os seus rincóns.

En definitiva, o dito: estamos de noraboa.