martes, 14 de abril de 2009

Estamos de noraboa


Un Goberno con novas ideas para combater a crise económica mundial que estamos a padecer. Din os/as analistas políticos nas tertulias radiofónicas, nos xornais e nas televisións que Zapatero quere construír un Executivo máis forte de cara ás eleccións europeas. Digo eu, pola miña banda, que estamos ante un Goberno de marcado carácter socialista, un gabinete co que o Presidente amosa o compromiso coa sociedade nuns tempos tan convulsos: a que escribe tamén é de tipo práctico: se algo se pode mellorar, mellórase.

Son cambios importantes para España. Pero tamén son cambios importantes para a muller. Eu non podo afastarme da miña condición de feminista e, cando me detiven a pensalo, dinme de conta de que o Executivo español está composto por nove mulleres e nove homes. Aínda que sexa unha frase redundante, non cabe máis que dicir equidade ó cen por cen, que é como dicir dúas veces equidade. Quédanos moito por andar en materia de igualdade, pero no socialismo hai unha aposta forte por ela, percíbese que é un compromiso do propio Zapatero.

Semellante foto de familia do Executivo era impensable uns anos atrás. Agora é natural. De feito, tan natural é que poucas persoas se deron de conta do importante da cuestión. Temos mulleres á fronte dalgúns dos ministerios máis potentes do Estado, unha realidade que da ó feminismo máis vida e máis forza. Estamos de noraboa.

Pero a noraboa é dobre. Dobre para os galegos e as galegas que temos a dous ministros e dúas ministras no Goberno: José Blanco, Francisco Caamaño, Elena Salgado e Elena Espinosa. Iso non é pouco. Se ben é certo que independentemente do seu lugar de nacemento deben velar polo benestar de todo o país, tamén confiamos en que prestarán especial atención a Galicia. No conxunto destaca a entrada de José Blanco en Fomento. O novo ministro coñece á perfección as necesidades da nosa terra despois de camiñar por case todos os seus rincóns.

En definitiva, o dito: estamos de noraboa.

No hay comentarios: