martes, 11 de noviembre de 2008

Violencia de Xénero = Violencia polo feito de ser muller

Aquel testimonio era demoledor. Anos de abusos, lesións, golpes, inxurias e ameazas dun home que non tiña amosada a súa faciana terrorista mentres non casaron. Tanto doían as patadas nas costas como os “filla de puta, non vales para nada”, as puras violacións como as bágoas que lle escapaban ás fillas cando escoitaban á nai chorar ante un prato que nin tan sequera tiña gañas de comer. Unha das peores certezas é que ocorre cada día. Segue ocorrendo. Unha das mellores é que, como aquela muller, todos e todas podemos e debemos facer fronte para romper con tanto dor.
A violencia contra as mulleres xorde dunha discriminación de xénero secular amarrada a tódolos ámbitos da vida e en todas as profesións, ata naquelas nas que custa imaxinala... Afortunadamente, pasiño a pasiño vai perdendo o anonimato, a súa presenza vai rompendo as paredes dos despachos e empurrando moitas portas que, unha vez abertas, sacan á luz deporables comportamentos misóxinos que avergonzan á sociedade.
A todas esas vítimas que sofren agresións psíquicas, físicas, sexuais, sociais ou económicas; ós homes que se preocupan polos abusos ás mulleres, que algún hai; os cargos políticos e estudantes; e a sociedade en xeral, hai que dicirlle hoxe e agora que, dun tempo a esta parte, son moitas as forzas que converxen para achegarnos a igualdade, un dos principios do partido no que milito dende hai moitos anos.
O Galego é un goberno paritario: seis homes e seis mulleres están á fronte das nosas consellerías. Dos 17 ministerios do Goberno central, nove están dirixidos por mulleres. A esquerda impulsou leis que artellan medidas contundentes nunha clara aposta pola igualdade. Preocupouse pola importancia de coordinar esforzos para conseguir obxectivos claros. Aportou, en definitiva, unha nova forma de investir en igualdade que, no caso de Galicia, está a dar froitos antes de catro anos. Ás mulleres valen iso e máis, claro está. Pero o gran esforzo, implicación e organización que chegou da man do Goberno que preside Emilio Pérez Touriño xa ninguén o vai deter. Porque agora todos e todas sabemos que podemos gañar esta longa batalla.
Traballamos da man de profesionais, especialistas, investigadoras… Traballamos e valoramos enormemente o labor dun feminismo mil veces atacado e vilipendiado por quen o compara co machismo. Non nos confundamos, posto que o feminismo xorde ante o ataque coa fin de salvar: salvar ás mulleres da violencia e da morte, ós homes da miseria, da cadea, do suicidio (dos 62 presuntos asasinos do ano 2008, 16 intentaron e 11 consumaron o suicidio).
O pesadelo ocorre cada día. Pero tamén, cada día, hai moitas mulleres que deciden cambiar de vida e rachar co seu pasado. Porque debe de ter a oportunidade de facelo. E correspóndenos a todos e todas que lle chegue esa oportunidade.

No hay comentarios: