viernes, 31 de octubre de 2008

O río Umia é un emblema para os concellos que percorre


Ten un valor moi especial para moitos/as de nós. O Umia é un emblema para os concellos que percorre, quizais porque fixo comarca antes de que representantes políticos, axentes sociais, cidadáns e demais tentaramos unir ós pobos e loitar por facer dos nosos municipios un equipo con grandes posibilidades de futuro. Todo ó redor dun espazo de riqueza, de remansiños de paz, das correntes, das playas fluviais, da fervenza de Segade…

Esta entrada ven precedida dunha búsqueda de “río Umia” en Google. Das vinte primeiras páxinas, unha ducia refírense a vertidos, contaminación, augas turbias e algas. Os anteriores Gobernos autonómicos intentaron nun milleiro de ocasións acabar co noso río; cando o Umia se deu conta, non atravesaba municipios, senón que o seu canle era atravesado por intereses políticos e empresariais.

Ninguén descoñece que a ferida de maior calado foi a construción do encoro da Baxe: poucas veces vimos tres pobos tan unidos loitando contra unha inxustiza que xa ten o seu espazo na historia. Todos/as sabiamos que a Xunta do Sr. Fraga non buscaba beneficiar á poboación coa presa. Garantir o abastecemento de auga foi unha escusa para dar cartos a unha empresa privada.

Nin o pobo, nin a xustiza, nin as Corporacións… Todos os esforzos para deter o proxecto foron en balde. Aquilo íase facer “porque si”. Xa executado, o Goberno de Fraga riuse na nosa cara enviando a tódalas casas –con cartos públicos– un vídeo con proxectos irrealizables, cheo de imaxes dixitais sen mais. Mentres o buzoneo funcionaba a maioría dos propietarios/as das terras afectadas sen cobrar. Foi o actual Goberno quen fixo xustiza coas persoas que loitaron a brazo partido, primeiro por salvar ó Umia do encoro da Baxe e despois por que pagaran as terras na súa xusta medida. Dende aquí o meu recoñecemento a Cuco e Samuel pola súa constancia e o seu bo facer.
No ano 2006 o Umia foi noticia nacional polo incendio da factoría química de Brenntag, que levou ó seu canle produtos contaminantes e altamente perigosos. Aquilo foi case como un Estado de excepción: outra vez o noso querido río nos noticieiros, outra vez ameazado de morte… A diferenza marcouna, sen embargo, a actuación rigorosa e urxente (pero tranquila), do conselleiro de Medio Ambiente. Alertado da situación, Pachi Vázquez apareceu como un raio en Caldas de Reis. Montou un gabinete de crise na Casa Consistorial, no que se decidiu desviar o canle do río coa instalación de tubos xigantes para salvar a zona afectada. Foron xornadas moi duras, nas que todos/as puidemos ver as diferenzas no xeito de gobernar: Primeiro, unha Xunta obsesionada por arruinar o río; despois, unha Xunta empeñada en sacalo cara diante fora como fora…

As algas tamén teñen o seu oco nesta historia, e as estrañas cores que tinguen as augas preocúpannos moito. Pero o Umia está agora baixo o control que non tivo durante anos. Moitas feridas do pasado non teñen cura. Mais o noso río ten futuro. A continuidade da súa historia depende de todos e de todas, de responsables políticos e dos veciños e veciñas, de pequenos e de maiores.

No hay comentarios: