miércoles, 8 de octubre de 2008

As miñas andainas políticas

Bo día, visitante! Estás no blog de Carmen Cajide Hervés, deputada do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia. Fuches dar á páxina dunha muller da aldea de Cardecide. Onde esta iso? Pois, nin máis nin menos, que na preciosa vila de Cuntis, un concello da provincia de Pontevedra. Recoméndoche encarecidamente que o visites: o calor do meu pobo está nas súas prazas, na súa xente, na súa historia… Ten calor incluso baixo terra, de onde veñen as augas termais que atraen a milleiros de visitantes para aliviar as súas doenzas.
Volvamos a min. A miña traxectoria na política non é nova. Empecei a interesarme polo mundo que me rodeaba e, cando me din de conta, tiña unha rosa (sen espiñas) na man e o puño pechado ó redor. Vai xa para dúas décadas que son militante. Militante socialista porque, o socialismo e os seus valores son a miña forma de ver a vida. De aí que asumira a Concellería de Servicios Sociais, á que adiquei todos os meus esforzos da man dos meus compañeiros e compañeiras, que durante tanto tempo foron moitos e unhas poucas. Foi moito tempo o que vivín de aquí para alá, poñendo un pouquiño de min no Concello, no Partido Socialista e, por suposto, no movemento asociativo, do que nunca me desvincularei, por ser o meu referente na actividade política.
O tecido asociativo é capaz de mover montañas. Deixando por un intre dun lado ó Parlamento un pobo faino a súa xente. Hai que traballar arreo e non é un labor moi agradecido. Nese senso é similar ás acusacións que cada día caen sobre os cargos políticos. Dende aquí o meu recoñecemento a todas esas persoas (que son a gran maioría) que están en política co profundo convencemento de que cos cartos do pobo non se xoga.
Falaba do asociacionismo. Loitar en grupo por mellorar o noso contorno é a nosa responsabilidade. O bo da democracia é que da liberdade para movernos, para pensar en conxunto, para dedicar un cachiño das nosas vidas o que é noso e o que deixaremos para quen veña atrás.
Se máis tempo tivera, máis tempo teríalle dedicado. Ó igual que os proxectos europeos, eses que rompen co habitual, que nos permiten xestionar cunha visión máis ampla os nosos recursos e facer propostas innovadoras á Administración. Podemos mellorar o contorno rural, ese patrimonio tan importante que temos na nosa terra. Por iso asumín, no seu momento, a coordinación da xerencia da Asociación de Desenvolvemento Rural Ulla-Umia, con sucesivos proxectos: Now, Equal, Leader+... Proxectos, que grazas a implicación e esforzo de moita xente, puidemos ir vendo como nacían e como pouco a pouco se van facendo realidade.
E de alí cheguei aquí. Chamáronme para ir nas listas do partido nun momento de cambio, nun momento no que Galicia pediu progreso e esquerda. E de pronto aí estábamos, con Emilio Pérez Touriño ó mando da Xunta de Galicia, vendo medrar a nosa terra e dándonos de conta de que nós tamén medramos cada día. Aquí trabállase sen descanso, dedicando horas ó labor parlamentario, tentando axudar no asociacionismo, coordinando a Agrupación do PSdeG-PSOE, da que, con moito orgullo, son secretaria xeral en Cuntis. Considero un privilexio este traballo e loito dende o profundo convencemento de que o Goberno que preside Touriño poñerá este País onde se merece.
Boa viaxe pola rede!!!

3 comentarios:

Jota dijo...

A ver se é certo. Primeiro os nosos antepasados, traballando coma negros, e agora nos, e Galicia sigue ainda media enterrada. Falta fai que comece un cambio.

Por certo, bonita vista dende Castrolandín.

Un saudo.

Anónimo dijo...

Din que do traballo sae todo, e ti eres unha proba de que é certo.
Non esquezas nunca as túas raíces e sigue loitando polos teus ideais, que son tamén os de moitos galegos (esperemos que cada vez os de mais) e aínda que falta moito eu prefiro pensar que Galicia xa esta medio levantada e que conseguiremos poñela en pé moi pronto. Bicos P.C.

Anónimo dijo...

Cajide Hervés, eses dous apelidos valen ouro. Ando farta de tratar con políticos/as dende hai anos e inda non din con ningún coma ti: esforzo, ilusión por Cuntis e Galicia. E, sobre todo, principios e tenrura.
Ánimo compañeira.
Unha aperta.