miércoles, 28 de enero de 2009

O CAMBIO


Pronto chegará a hora de consolidar o cambio ou de elixir o cambio do cambio. O Partido Socialista preséntase as eleccións coa cabeza ben alta: fixemos os deberes e empezamos a transformar a nosa terra, asumindo a difícil tarefa que o pobo galego nos encomendou hai catro anos. A ilusión foi o camiño que seguimos durante todo este tempo, guiámonos pola necesidade de dar a nosa comunidade a oportunidade de contar cunha Administración transparente. E o conseguimos.

Digo que o conseguimos porque os cartos xa non se reparten seguindo as cores políticas, porque intentamos estar alí onde fixo falta, acadando o noso obxectivo en boa parte das ocasións. Intentamos achegarnos ó pobo tanto como puidemos, apostando por convertelo nunha parte activa de Galicia.

Quedan cousas por facer, a nosa terra ten moitos recursos que explotar e os galegos e as galegas merecen que nos esforcemos día a día. Por iso a revolución que iniciamos hai catro anos debe continuar. O PSdeG-PSOE está por conxugar o progreso e a tradición, por combater con medidas firmes as dificultades económicas (fomos a primeira comunidade autónoma en artellalas), por seguir loitando pola plena igualdade e, en definitiva, por conseguir unha Galicia máis xusta. O camiño é o do traballo para todos e todas, para Galicia, para Cuntis e para todos os nosos pobos. Comprometémonos a seguir loitando e a consolidar as bases da Galicia próspera que nos temos merecido.

martes, 27 de enero de 2009

Grazas compañeiros e compañeiras

Non pode haber máis pracer para unha representante política que o de ver valorado o seu traballo. Débolle a miña inclusión na candidatura socialista ás eleccións autonómicas ós/ás dirixentes do partido, que de novo depositaron en min a súa confianza. Pero o meu agradecemento vai, sobre todo, para toda a militancia que, dende os seus municipios (algúns deles moi lonxanos ó meu, Cuntis) apostaron por min incluíndome nas propostas que logo enviaron ós responsables do PSdeG-PSOE. Por iso quero enviar a todos e todas un saúdo agarimoso: o apoio das bases, da militancia, ó traballo feito durante esta lexislatura é para min a recompensa máis importante.

Ese apoio merece que manteña o meu compromiso, que achegue o meu granciño de area para que Galicia continúe na senda que a poboación abriu hai catro anos, que traballe por e para a xente, que axude a comprender á cidadanía galega que o socialismo é o futuro da nosa terra e que, encabezados polo noso secretario xeral, Emilio Pérez Touriño, formamos un equipo que deixará a pel para manter o camiño do progreso.
Grazas, compañeiros e compañeiras

martes, 16 de diciembre de 2008

Cartón vermello e expulsión

Agora é Nidia Arévalo a responsable do Concello de Mos. Nidia Arévalo e máis o Partido Popular, que semella estar valorando o rentable que pode ser ter o municipio baixo o seu mando. Tocáballe a Núñez Feijóo poñer sobre a mesa a dignidade, unha vez que quedou claro que Nidia Arévalo e os seus compañeiros descoñecen o significado do termo. A súa dignidade é a mesma que a do tránsfuga Gerardo Alonso, a quen lle foi usurpada a memoria: esqueceu que se presentou baixo unhas siglas históricas, as do PSOE, ás eleccións municipais. Primeiro socialista, despois independente e, por último e para a súa vergoña, mente pensante, xunto coa de Nidea Arévalo e coa da plana maior do PP, dunha operación vil para acadar un goberno de costas á democracia.
Arroupamos á nosa xente tanto como puidemos. Todos nos achegamos a Mos porque alí nos necesitaban. Todo o Partido Socialista reclamou a Nidia Arévalo e o seu equipo que puxera fin á operación e non executase as súas escuras intencións. Todos dixemos ó señor Núñez Feijóo que o PP está no pacto antitransfuguismo por estar, como quen está a durmir porque non hai cousa mellor que facer.
Nin que decir ten que non nos fixeron caso. Hai a quen non lle importa levantar o bastón da alcaldía cunha man e aplastar cun pé a moralidade.
Onde está entre tanto o señor Louzán? Conta a prensa que anda desaparecido, que non se lle ve na Deputación. Supoñemos que está baixo o manto de Núñez Feijóo, e que este lle mandou botar as contas da influencia da operación para que o PP gañe peso no contorno de Vigo. Andan os dous pensando nas eleccións autonómicas, Núñez Feijóo sobre todo… Seguro que foi por iso polo que o xefe do PP galego optou por agocharse en terras argentinas mentras os seus capataces pechaban, de novo, un asalto á democracia. Iso chámase coraxe.
No caso de Arévalo e compañía, non serve un expediente.
Cartón vermello e expulsión, que dirían os amantes do fútbol.

domingo, 7 de diciembre de 2008

O Parlamento é a institución máis importante de Galicia (II)


Teño atopado pola rúa a xente que me saúda e que me pregunta que tal van as cousas dende que cheguei á Xunta.

- “Pois pola Xunta van moi ben, pero eu traballo no Parlamento”, contestei unha vez con agarimo a unha veciña.

De nove a nove ou de dez a dez… Aquí non paramos un minuto. Participamos en comisións (teño unha media de oito ó mes) e asistimos ós plenos (catro polo xeral). Esa é, por dicilo dalgún xeito, a faciana máis coñecida do noso traballo. A oculta son as horas que pasamos preparando intervencións, tentando sacar adiante iniciativas de tema de interese xeral ou dos territorios que temos asignados, contactando con cargos da Xunta e, dende logo, traballando en equipo. Sempre é difícil traballar soa, pero aquí é imposible. Hai un labor constante de coordinación cos compañeiros e compañeiras e, por suposto, de aprendizaxe: a primeira vez que tiven que intervir nun pleno tremíanme as pernas. Pero pouco a pouco, como en calquera outro traballo, vaise collendo costume, sobre todo se tes a oportunidade de medrar un pouco en todos os sentidos ó carón de persoas de altísima talla política.

O meu coche ten miles de quilómetros e, nestes anos, teño visitado pobos nas catro provincias galegas. Actos de representación do grupo, asistencia a charlas ou mesas redondas, visitas ós compañeiros e compañeiras da zona Ulla Umia, Deza... Aproveito para confesar en público que, o outro día, puxéronme unha multa de tráfico por andar cun pouco de apuro pola estrada. Verdadeiramente, a vida de deputada é apuradiña… Pero tamén é moi agradecida: nada mellor que ser representante do teu pobo, da túa provincia...facer de interlocutora dos problemas da sociedade ante o Parlamento de Galicia.