jueves, 25 de junio de 2009

Partido Popular declaroulle a guerra a nosa lingua

Semella que o Partido Popular declaroulle a guerra a nosa lingua nada máis chegar ao poder. E dirán no PP que protexen o galego, a sabendas de que, cos seus xogos, non fan máis que separalo das escolas e da cidadanía. Semella que queren que recuperemos a época de “o galego para os pobres”…

O Partido Popular énchese a boca falando de bilingüismo. Bilingüismo era o que tiñamos, señores/as, dúas linguas funcionando ao mesmo tempo, dúas linguas no mesmo bando, que é o que nos da a riqueza cultural. Que poñan diante da mesa un só escolar que non se manexe nos dous idiomas. Porque, os/as que eu teño visto, na miña aldea, no meu concello, e noutras terras, non teñen complexo ningún en adaptar a súa fala á situación na que se atopan. O Goberno de Feijóo non o mira así, e por iso manda as casas dos/as escolares enquisas manipuladoras, incluso podemos dicir que antidemocráticas, das que apenas se nos deu información. Enquisas contra as que teñen arremetido nestes últimos días grupos de intelectuais, normalizadores da lingua e unha voa parte do profesorado. Enquisas que recordan aquilo de tempos pasado de “votes si, votes non, votes en blanco, votas para Franco”. Porque, alguén se poder crer que a enquisa é unha garantía da opinión de pais/nais do alumnado?

Tamén, por si acaso supoñía un problema, o PP acaba de eliminar a obrigatoriedade dos exames das oposicións en galego. Din que o fan para evitar a “batasunización”, a batasunización que o PP, con axuda dalgunha que outra asociación, está a inventar para intentar botar por terra o traballo de quen defendemos a nosa lingua e que a falamos “porque nos sae de dentro, dalá do fondo…”

A bo seguro, os/as votantes que levaron ao señor Feijóo ao Goberno da Xunta non están dacordo cos métodos que está a empregar o seu Executivo para poñer por diante do galego o español nunha carreira que non debe existir. Porque o galego xa pasou duras datas (así o deixa ver con dor Celso Emilio Ferreiro no poema Deitado Frente ó Mar), debe ser impulsado, tratado con agarimo, e non expurgado. Que, na Galicia da que tanto gozamos, o idioma pesa máis que as empanadas que tanto lle gusta repartir ao PP nas súas celebracións.

No hay comentarios: